«As chaves do tempo», novela de Luísa Villalta, reeditada 23 anos despois: «É moi actual»

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle do acto de presentación en Santiago da novela de Villalta.
Detalle do acto de presentación en Santiago da novela de Villalta. Conchi Paz

«Considerabamos que podería ser unha obra que se podía ler nos centros de ensino», sinalou a editora Andrea Jamardo, que lembrou que a autora a concibiu para o público mozo

07 may 2024 . Actualizado a las 22:24 h.

A novela As chaves do tempo, de Luísa Villalta, volve a saír do prelo máis de dous decenios despois de facelo por primeira vez. O selo Cuarto de Inverno reeditouna para achegar a obra da escritora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas ao público xuvenil. «É unha novela que, pese a que pasaron 23 anos desde que se publicou orixinalmente, é moi actual», afirmou Andrea Jamardo, a editora, durante o encontro de presentación do libro en Santiago, no que estivo acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a irmá de Luísa Villalta, Susana Villalta, e a nai, María Gómez.

A novela, que está ambientada na Galicia medieval, introduce a lenda artúrica e está ilustrada pola artista viguesa Zaira Barcia. «É unha novela con trazos do medievo, pero que leva consigo moitos valores que se transmiten. Non só está o coñecemento da tradición, da literatura e a lingua galegas, senón moitísimos valores humanos», resaltou Valentín García, despois de cualificar As chaves do tempo como unha obra «maxistral» e «moi identificativa» da traxectoria de Villalta, xa que posúe, dixo, «todas as esencias».

A reedición da obra de Luísa Villalta foi presentada este martes en Santiago
A reedición da obra de Luísa Villalta foi presentada este martes en Santiago M. G. I.

A novela está pensada especialmente para o público xuvenil. «Considerabamos que podería ser unha obra que se podía ler nos centros de ensino», detallou Jamardo. Nese sentido, lembrou que Luísa Villalta, aínda que se coñece principalmente como poeta, tamén fixo traducións e novelas: «Pensamos que As chaves do tempo, polo contido e polo que conta, é o texto máis acaído para traballar no ensino secundario. É unha obra que ela escribiu para o seu alumnado [...]. A poesía de Luísa Villalta é moi esixente, e esta novela quizais sexa a máis apropiada para entrar nos centros educativos». Nese senso, a editora indicou que xa algúns a incluíron nas lecturas deste curso, e agarda que isto continúe nos vindeiros anos.

Susana Villalta, irmá da homenaxeada no Día das Letras Galegas, fixo fincapé precisamente en que esta novela, cando se publicou no 2001, xa fora recomendada nos institutos. Tamén agradeceu a súa reedición: «É unha homenaxe máis que ten Luísa».

As chaves do tempo aborda gran diversidade de asuntos, como o amor, a traizón, a xustiza, a memoria histórica de Galicia como pobo, e tamén o futuro. Andrea Jamardo incidiu en que se trata, polo tanto, «dunha obra que se pode analizar desde moitas perspectivas, non só literarias ou filolóxicas, senón tamén históricas. Trátase dunha mostra clara de que Luísa [Villalta] coñecía moi ben a historia de Galicia e a nosa literatura, a máis popular e a culta». Por outra banda, durante a presentación, subliñaron a oportunidade que supón o Día das Letras para impulsar a recuperación da obra de Villalta, xa que as súas publicacións estaban esgotadas.