Roberto Blanco Valdés defende a «prensa libre» ao recoller o premio José Luis Alvite

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

XOAN A. SOLER

O columnista de La Voz de Galicia subliñou a necesidade da «pluralidade dos medios»

08 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O analista, comentarista político e catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés recibiu onte na sede de Afundación en Santiago de Compostela o premio José Luis Alvite 2024, que lle concedeu por unanimidade a Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Tras recoller a estatuíña A deusa de Alvite, obra do artista ourensán Acisclo Manzano que conmemora este galardón, Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia, reflexionou sobre este oficio, sinalando que «coloca ao escribidor diante dun permanente pim, pam, pum; pois opinar non é describir, senón tomar posición, tomar partido sen caer no partidismo, o que provoca, inevitablemente, asentimentos, pero tamén rexeitamentos». Roberto Blanco Valdés destacou que o seu labor non tería sido posible sen o respaldo de La Voz de Galicia e do seu presidente, Santiago Rey Fernández-Latorre, «unha figura indispensable na historia recente do xornalismo galego».

Blanco Valdés engadiu que «o columnismo de opinión esixe, por suposto, seriedade e rigor profesional, pero tamén tomas de posición sobre os asuntos que conforman en cada momento e lugar a realidade». Na súa intervención, fixo tamén unha acendida defensa da liberdade de prensa, argumentando que «unha prensa libre constitúe unha peza esencial de calquera sistema democrático e de calquera Estado sometido ás regras do Dereito».

Nese senso, o tamén constitucionalista subliñou que «a pluralidade de medios, como a propia pluralidade política democrática, constitúe un elemento esencial das sociedades abertas, das que falou no seu día o gran filósofo Karl Popper». O premiado este ano co Alvite rememorou a súa infancia, lembrando ler ás mañás de sábado e domingo La Voz de Galicia, co seu pai e seu tío: «Naquel entón non podía eu nin de lonxe imaxinar que un día, anos despois, eu mesmo asinaría columnas de opinión nun xornal no que publicaron os seus textos moitos dos grandes columnistas de Galicia e de Madrid, como entón había o costume de dicir».

O acto de entrega, que coincide cada ano co Día da Liberdade de Prensa, foi presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e a presidenta da APG, María Méndez González. O evento, conducido pola redactora-xefa da TVG, Marta Darriba, contou cunha nutrida representación dos medios e coa laudatio do politólogo, articulista e tamén Premio José Luis Alvite no 2016, Xosé Luis Barreiro Rivas.